domingo, 24 de marzo de 2013

Soñar é gratis, criticar tamén


O Dépor enfróntase á súa segunda final se quere conservar a máxima categoría. Pero mentres a afición soña, parece que algúns se atan os babeiros ao colo e, como voitres, esperan a ver que anaco poden levarse do club.

La Voz de Galicia estase a pasar tres pobos e medio cos ataques gratuítos contra o club e contra Lendoiro. Non digo que Augusto sexa un anxo, pero mal que lles malia todos os que agora queren que se vaia e que compre o club Amancio Ortega, o club non foi nada ata que chegou el.

El colleu a un club dunha cidade pequena, onde a xente era do barça ou do madrid (maioritariamente do segundo, que burros eramos noutros tempos) e fíxonos relacionarnos cos grandes, soñar mesmo con gañar a Champions. Pero dende hai uns anos pouco a pouco nos fomos dando conta do que somos en realidade, e pasamos de querer clasificarnos para a UEFA a estar a botar contas para a permanencia.

A permanencia é posible, o calendario está ao noso favor, e unha vitoria hoxe sería o seguinte paso na xesta. Collendo o berro da PAH de "Si pódese", a afección aínda está ilusionada, e estalle a dar unha lección moi seria a todos os medios que agora teñen como diana a Lendoiro.

De acordo: un antigo director de escola que se enriqueceu moi rápido, e brazo forte do PP noutros tempos. Mesmo os eternos rumores e insinuacións de mal gusto respecto a vinculacións co narcotráfico corunhés. O dito, Augusto non é perfecto. Pero sendo realistas, agora mesmo no mundo do fútbol, quen o é?

Non somos o club máis endebedado, nin tampouco o primeiro (nin o último) en entrar na concursal, e non obstante quen lea ultimamente os xornais diría que na directiva do dépor se fan ritos satánicos con sacrificios de bebés. O problema dende sempre é a envexa sa, o problema é que custa aceptar que un club pequeno de cidade pequena lograse relacionarse cos grandes e teña unha das mellores aficións que se viron. Próelles a moitos ver que despois do descenso os socios do club non se reduciron, senón que se multiplicaron. A moitos iso dóelles, e por iso ódiannos.

Por iso mesmo, non nos deixemos dobregar polas críticas gratuítas, e recordemos que somos un gran club e unha grande afición. E o importante é que agora imos loitar por bater un récord, e ser o primeiro club da historia que logra salvarse con tan poucos puntos a estas alturas (xa batemos o record de ser o equipo descendido con maior número de puntos da historia, e tamén de ser o campión de segunda división con máis puntos).

E deste xeito, demostrarémoslles que, digan o que digan, ESTA INCHADA NUNCA RÉNDESE.

FORZA DEPOR!

No hay comentarios:

Publicar un comentario